Thursday 16 de May de 2024

Conta atrás para a chegada da Tall Ships Races, que volve á Coruña a vindeira semana cunha ampla programación de actividades abertas ao público


Está prevista a chegada de doce grandes veleiros, que estarán atracados nos peiraos interiores e tamén na contorna do Náutico entre os días 24 e 27 de agosto

Máis de 800 persoas integran as tripulacións das embarcacións, procedentes de países como Portugal, Uruguai, México e Reino Unido, entre outros

Queda menos dunha semana para a chegada da Tall Ships Races, que terá lugar entre os días 24 e 27 de agosto na Coruña, ao abeiro do plan de dinamización turística promovido polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de afianzar á cidade como referente nacional e internacional na celebración de grandes eventos. A este respecto, será a décima vez que a regata recala no porto herculino, o que converte á Coruña na urbe máis visitada pola Tall Ships na súa historia.

Xa está confirmada a chegada dun total de 12 grandes veleiros á cidade. As embarcacións en cuestión, cuxos anos de botadura están datados entre o 1913 e o 2000, son o ‘Juan de Lángara’ e ‘Atyla’ (abandeiradas por España), o ‘Veracruz’ (Portugal), o ‘Capitán Miranda’ (Uruguai), o ‘Challenge Wales’, o ‘Maybe’ e o ‘Jolie Brise’ (Reino Unido), o ‘Cuauhtémoc’ (México), o ‘Dar Mlodziezy’ e o ‘Fryderyk Chopin’ (Polonia), o ‘Georg Stage’ (Dinamarca), e o ‘Stella Polare’ (Italia).

Tamén está certificada a presenza do veleiro ‘Nautilus’, pertencente á Armada española, que formará parte na saída da regata. Por outra banda, o buque de referencia para as autoridades será o patrulleiro ‘Atalaya’, tamén adscrito á Armada. Ademais, dous veleiros da Armada portuguesa, o ‘Zarco’ e o ‘Polar’, estarán presentes nesta cita.

As embarcacións estarán atracadas entre o xoves 24 e o domingo 27 —día da parada naval previa á súa despedida— nos peiraos interiores e tamén na contorna do Náutico.

Máis de 800 persoas conforman as tripulacións das embarcacións
Está prevista a chegada de máis de 800 persoas que conforman as tripulacións dos grandes veleiros que participan na competición, así como dos buques pertencentes á Armada española e á Armada portuguesa.

Neste sentido, 754 persoas do cómputo total da tripulación pertencen aos 12 grandes veleiros que fondearán na cidade. Desta cifra, 258 mariñeiras e mariñeiros estarán a bordo do ‘Cuauhtémoc’ (México) e outros 162 a bordo do ‘Dar Mlodziezy’ (Polonia).

Actuacións de arraigamento e concertos ao aire libre

Entre o xoves 24, primeira xornada de estancia da Tall Ships Races na Coruña, e o sábado 26, está previsto un programa de actividades e espectáculos aberto á cidadanía, con acceso de balde ata completar a capacidade prevista en cadanseu recinto.

Ás xa tradicionais actuacións de arraigamento asociadas á Tall Ships, co peirao de Transatlánticos como escenario das mesmas, sumaranse concertos ao aire libre a bordo das embarcacións.

A programación completa, así como os horarios das actividades, publicaranse proximamente na páxina web do Concello da Coruña.

A despedida da Coruña, rumbo a Lisboa e, posteriormente, Cádiz

A Tall Ships, que comeza no Reino Unido e, tras o seu paso pola Coruña, continuarápercorrido ata Lisboa e Cádiz, garda tras de si un estreito vencello coa cidade. Entre os anos 1958 e 2016, a proba pasou ata en nove ocasións pola Coruña, implicando a centos de mozas e mozos coruñeses, así como a milleiros de visitantes de outros países participantes, na organización e apoio da regata, tarefas nas que colaboran de forma conxunta o Concello, a Autoridade Portuaria e a Asociación Juan de Lángara.

Nesta edición da regata renderáselle homenaxe a unha das viaxes históricas da navegación marítima: a que levaron a cabo Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano, no século XVI, hai máis de 500 anos, e que permitiu completar a primera circunnavegación do globo terráqueo.